Loading...
17.1.10

Valados

Xa se me estaba a pegar un pouco a preguiza e outro pouco a falla de novidades interesantes para falar delas ata que me chegou a nova. Agustín Fernández Paz acaba de publicar un novo libro. Responde ao título de Valados e quere ser un canto á dignidade dos seres humanos procedan de onde procedan. Cando acabamos de celebrar o aniversario da desaparición do Muro de Berlín con tanta pompa e circunstancia, ningún medio nos fala dos valados que neste momento se erguen en varias partes do mundo para separar os pobres dos ricos. Este concepto da información recollíao moi ben un anuncio que hai bastantes anos realizara o Guardian. A cámara recollía a imaxe dun xove con aspecto punk que corría cara un cabaleiro de traxe e garavata e, tras alcanzalo, tirábao ao chan. A cámara realizaba un fundido ao negro e no plano seguinte cambiaba o enfoque e podía apreciarse como desde o alto dun guindastre se precipitaba unha plataforma chea de materais de construción. O cabaleiro salvaba a vida grazas á rapidez do xove punk.




Este libro quere cambiar o foco das cousas e por iso remata cunha serie de fotos que ilustran os muros que se erguen no Brasil, Estados Unidos, Israel, Ceuta... para protexer a vida tranquila dos ricos fronte á fuxida desesperada dos pobres. Outros erguen muros sobre o coñecemento para que os nenos galegos acaben sendo estranxeiros na súa propia terra. Aprendamos a lección. Xa sei que non falo da literatura, que en xeral é o que ocupa estas liñas, pero aínda non teño a idea feita porque estamos no inicio do libro e non quero precipitar opinións.
Por certo, a lectura é parte importante, aínda que non deixe de ser unha disculpa para falar da vida, da Elegancia do ourizo, un libro que en castelán obtivo un notable éxito e que publicou Galaxia en pelexa con outros editores que tamén a querían. Pena que se aprecien algúns erros que en determinados momentos distraen a atención do lector porque o libro ten interese, quizais non tanto como para formar parte dos libros do ano (Tampouco me parece que Milenium de Stieg Larsson sexa merecente de tanto éxito), pero o conxunto dos lectores teñen a última palabra sobre o que merece permanecer e o que non. As decisión son ás veces incomprensibles para algúns, pero así son as cousas. Estou desexoso de comezar con varias das cousas que teño pendientes: O Bukovski, Pan con xamón, que acaba de saír na colección de narrativas de Faktoría K (que tamén prepara A estrada de Cormack McCarthy sen agardar polas axudas á tradución do dócil conselleiro de Cultura Roberto Varela); o último de Paul Auster, que publica Galaxia; Las puertitas del señor López, unha banda deseñada do coñecido autor arxentino Horacio Altuna e que recibín como agasallo dun amigo que anda á última no tema da literatura e que adora os clásicos, ou varios tomos da primeira parte da La época del Botchan de Taniguchi. Unha elección que seguramente sería do agrado de Agustín Fernández Paz que entre outras cousas é un gran amante da banda deseñada. Despois as miñas lecturas van mudar porque agardo atopar cousas interesantes nas librerías londinenses como para que me obriguen a mudar a traxectoria qantes de volver a Uxío Novoneyra para celebrar as Letras Galegas. Sen esquecerme de facer un seguimento moi especial do traballo que vai desenvolver o ilutrador Marc Taeger nos vindeiros meses e que agardo que aporte novidades interesantes.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP