Loading...
23.1.10

Ferrín presidente da RAG


Xosé Luís Méndez Ferrín vén de ser elixido presidente da Real Academia Galega nunha sesión celebrada esta mesma mañá. Nunha semana en que a Real Academia cumpriu con honra o seu papel de defensora da lingua, os seus membros escolleron a un home cunha cultura tan ampla e un coñecemento da lingua tan profundo coma o de Xosé Luís Méndez Ferrín. Os seus artigos no Faro de Vigo ilustran a cantos os seguimos desde as lembranzas do Vigo que desapareceu ou que permanece oculto ata a viaxe á cova profunda das etimoloxías que son os artigos sobre a antroponimia. A súa posible elección estaba arrodeada dunha certa controversia, xerada e alimentada desde os ámbitos en que a saúde do idioma non importa o máis mínimo, na que nunca entraron os académicos. Anécdótica a actuación dalgún medio de comunicación que lle preguntou sobre este tema a unha escritora como Marta Rivera de la Cruz, que tanto denosta o galego e que nunca escribiu nada en galego. Un amigo dicía que era como preguntarlle a Murakami pola elección do presidente da Academia Francesa.
Os seus méritos literarios e filolóxicos son tan claros que desde posturas ideolóxicas diferentes non podemos facer menos que aplaudir a lucidez dos numerarios por ter tomado esta decisión nos tempos que corren.

2 comentarios:

  1. que boa elección, que suporá isto? un home con esa aura de lenda, firmísimo, lúcido, duro... o que supuxo para min nos anos de mocidade! agora xa alonxada, cunha profesión que nada ten que ver coa literatura e lingua que estudei, segue tendo esa dimensión de lenda, ainda que coa idade tamén aprendín a non idolatrar tanto aos grandes e ver a humanidade que hai detrás, cousa boa

    ResponderEliminar
  2. Efectivamente, como ben dis, non hai que idolatrar as persoas, mais si a obra, se o merece.
    As primeiras declaracións de intencións que fixo ao saír elixido foi marcar como obxectivo a renovación do dicionario e a gramática normativa, ademais de rematar a catalogación dos fondos da academia.
    PAra min é unha gran esperanza para darlle un pulo á academia e á lingua, entendo que hai que prestixiar a lingua e iso faise con autoridade, coidado e esixencia nos usos do idioma.

    ResponderEliminar

 
TOP