Loading...
8.10.09

A vida na literatura

Sempre escoitei dicir que a vida está na boa literatura, pero durante moito tempo pensei que non deixaba de ser unha frase poética. Co tempo descubrín que non era un adorno, que en realidade a boa literatura é retratar a vida en singular. Vén isto a conto de que sigo lendo El lado oscuro del amor de Rafik Schami (Editorial Salamandra), unha lectura de longo percorrido en todos os sentidos da palabra. Unha historia que ocupa varias decenas de anos da historia de dúas familias enfrontadas e tras da que se pode vislumbrar a historia da Siria moderna.
Neste libro hai un pequeno capítulo titulado Guibrán. Nel, un cruzado que vive na cosmopolita Damasco descobre accidentalmente un hammán e vendo a cantidade de xente que entra nel,
decide entrar. Unha vez dentro, o bañeiro invítao a espirse, pero o terror do home a amosar o corpo núa é tan grande que debe convencelo. Pero unha vez que comproba o pracer que lle proporciona o baño, decide darllo a coñecer á súa muller. O día en que chega con ela, todos os homes que se atopan no hammán, foxen aterrados da presenza do seu corpo espido.
Tanto valor para guerrear, pero ten medo de amosar o corpo espido diante doutros homes. Os outros tan valientes e tan rudos, pero foxen ante a presenza dunha muller.
Este pequeno fragmento, a penas algo máis dunha páxina entre as oitocentas que compoñen o libro, serve para retratar a novela, o encontro entre dous mundos, o cristiano e o musulmán que o autor viviu na súa Siria natal antes de trasladarse a Alemaña. Esa é a novela, pero tamén
é a vida real, unha realidade con varias caras. Hai quen prefire quedar só nunha das caras e condenarse á indixencia mental, a máis cómoda e a peor das mortes. A literatura, aínda a máis fantástica, non deixa de ser unha transposición da realidade e por iso nos interesa. Din que esta é a obra mestra de Rafik Schami. Non o sei porque é a primeira obra non infantil que lle leo, pero si que me parece unha fermosa acuarela social chea de vida, sensualidade, tenrura e tamén o odio e os axustes de contas.
A imaxe do mundo árabe que temos creada na nos mente non sempre aparece, e sucede en máis libros. Quen pode superar a sensualidade e o erotismo que encerran moitos dos contos das mil e unha noites? Onde se pode atopar unha reivindicación tan grande da intelixencia feminina como en Aixa de Fátima Mernissi?

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP