Loading...
2.2.09

Blogs no Salón do Libro de Pontevedra


As actividades do
Salón do Libro Infantil de Pontevedra iniciáronse cunha conversa entre Martin Pawley, que cubría a ausencia de M. Bragado, e Agustín Fernández Paz sobre o tema dos blogs. A charla mantivo certa informalidade e como consecuencia pasáronse por alto temas dos que se debería ter falado, os blogs sobre literatura infantil foi un deles. 
Entre os asistentes había moitos blogueiros, tímidos eles, que non se atreveron a erguer o brazo tralo requerimento de Pawley e confesar que eles tamén tiñan o seu blog. Alén diso, foron escasas as intervencións do público.
Entre as cousas que expuxeron está a cuestión dos riscos da wikipedia, unha discusión sen dúbida ningunha moi interesante, algo que debe plantexar a necesidade de ollalo todo cunha mirada crítica. O que sempre se dixo a respecto da televisión faise imprescindible nestes  novos medios polo seu carácter aberto. Pero os blogs e o acceso a outras ferramentas da comunicación a través de internet supoñen unha democratización dos medios innegable, ademais dun excelente balcón para as linguas minorizadas. Algo que os conferenciantes manifestaron nas súas intervencións.
Apuntouse a utilidade dos blogs como ferramenta educativa nunha das escasas intervencións desde o público, algo que me parece moi importante, pois vén significar o reencontro entre os rapaces e a escritura espontánea. Claro que tamén se puxo de manifesto o risco que supón unha fiestra deste tipo para o profesorado no relativo á responsabilidade sobre os contidos e as manifestacións que se poidan verquer nas entradas.
A conversa podería ter sido máis interesante de ter profundizado un pouco máis e facernos un percorrido por blogs que marquen tendencias e de se teren insinuado outras posibilidades da blogosfera.
En días posteriores continuaran as mesas redondas, especialmente interesante se me antolla que pode resultar a que vai acoller aos coordenadores dos suplementos literarios dos xornais.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP