Loading...
11.11.08

Camilo Gonsar

Acabo de ler en Fervenzas literarias que o pasado sábado faleceu Camilo Gonsar.
Camilo Gonsar era un profesor de instituto que exercía no centro no que eu estudaba. Algún tempo máis tarde coñecino como escritor por medio de Cara a Times Square, que me sorprendeu porque todo canto lera ata ese momento da literatura galega tiña un aire que non era do mundo no que eu vivía, pertencía a un tempo e unha forma de vida que para min eran alleas. Pero cando lin aquela novela, atopei outra dimensión, sorprendente para un lector inexperto e que situaba a literatura naquela lingua na que eu era un neofalante nas correntes do que para min era a novela actual, igual que aquel Moravia que eu recollía dos tambores do deterxente Skip e alonxado daqueloutra que eu tamén coñecía do Corazón de Edmondo D'Amicis. Anos despois volvín sobre ese mesmo libro unha e outra vez, para recuperar fragmentos da novela e da miña propia adolescencia. Nese mesma época lía os Xoguetes para un tempo prohibido, doutro escritor que exercía no mesmo instituto, non sei se chegaran a coincidir el e Gonsar. Cando a vida deu o número de voltas sufieciente para que os meus descendentes volvesen a estudar a ese mesmo centro, non recoñecía nada daquel ambiente irradiador de cultura, onde cada profesor che descubría ideas interesantes, e quizais e sobre todo, porque alí se respiraba un ambiente de liberdade que non coñecín en ningún outro lugar.
A Nosa Terra recolleu ampla información sobre a súa vida e a súa obra nunha serie de informacións do seu xornal dixital

Enlace Camilo Gonsar lendo O pequeno e as vacas.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP