Loading...
4.2.08

PRECARIEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

A precariedade das bibliotecas escolares resulta algo tan evidente como grave. A creación de hábitos de lectura depende de dous factores de idéntica importancia: que as familias recoñezan o interese do hábito lector e se comprometan no seu fomento dentro do seu ámbito; e que a escola comparta ese esforzo e actúe como mediador-facilitador de materia lectora adecuada aos intereses e necesidades do seus escolares. A situación dalgúns centros escolares agravan a situación ao non contemplaren un presuposto específico para dotala. Así a adquisción de fondos depende en gran medida das partidas de normalización lingüística. Eis a primeira confusión: Biblioteca + presuposto dos Equipos de Normalización = Dotación de libros en galego (Nalgún caso extremo tamén en castelán).
Outra das precariedades é a necesidade de contemplar dentro do catálogo de postos de traballo a categoría de bibliotecario. Está claro que ten que haber unha proporcionalidade no número de horas que se contemplen para os diferentes centros. Partindo dun mínimo de tempo común a todos os centros, independentemente do número de alumnos ou unidades que teña, para planificación de actividades, clasificación e catalogación de fondos, etc. A partir de aí, deberá contemplarse maior número de horas en función das unidades e do número de alumnos. Aquí debe ser a administración educativa quen adopte de xeito urxente as medidas oportunas e elabore un plan a curto prazo para que en todas as escolas de Galicia exista un horario destinado á biblioteca
Outra cuestión, fácil de resolver desde o meu punto de vista, é o da persoa que se debe facer cargo da coordenación do equipo de biblioteca. Non se pode deixar a cargo de quen teña máis cursos, antigüidade ou calquera outra cuestión numérica. Hai que seleccionar proxectos e debe terse en conta a opinión do claustro e do consello escolar. Deste xeito, evitamos o risco da titulite, un mal que aqueixa a moitas das bibliotecas públicas. Rematado o prazo de execución do proxecto, debería realizarse unha avaliación na que participe a comunidade educativa no seu conxunto.
A partir de ter cubertos estes capítulos, podemos comezar a falar das dotacións presupostarias non incluídas no presuposto ordinario do centro. Claro que para iso é necesario planificar obxectivos a nivel nacional que orienten a actuación de todas as bibliotecas escolares do país.
Pero non podemos empezar a casa polo tellado e dar os cartos antes de artellar un sistema que funcione e cumpra os obxectivos que se marquen.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP