Loading...
2.2.08

NECESIDADES E PRIORIDADES

Confeso que levo varios días relendo este artigo antes de publicalo. Borro e reescribo buscando as palabras máis precisas posibles para expresar a idea que teño na cabeza. Vexo tan necesario diagnosticar a situación real da creación e a edición de libros para nenos en Galicia que necesito afinar neste pequeno espazo.
Escasos, pero algún intento de estudo, moi incompleto e superficial, se ten feito da literatura infantil e xuvenil en Galicia. Creo que xa é hora de que se faga un estudo profundo
. Pescudar as influenzas positivas ou negativas de que durante moito tempo estivese en mans de pedagogos, cales son as correntes, os estilos literarios, as influenzas que a marcan. Todo dentro dunha perspectiva histórica que nos permita entender, delimitar cales son as súas orixes, os fitos que marcaron o seu devir, e o que considero máis importante, facer unha radiografía do seu estado actual. Posiblemente non abonde un esforzo individual e sexa necesario xuntar as aportacións de visións diversas, mesmo diverxentes, pero creo que é o único xeito sensato de saber cal é o seu estado real máis alá das opinións interesadas politica ou economicamente. Aquí creo que debemos contemplar as funcións de dúas institucións fundamentais neste terreo: Galix e a universidade. Desde hai tempo veño mantendo que Gálix debería implicarse en tres aspectos: Promoción dos autores e as obras, propiciar a formación de críticos independentes e colaborar en cantas iniciativas institucionais ou empresariais redunden en favor da promoción da lectura. A universidade debería aportar formación e competencia no terreo crítico e bibliotecario. Sobre o papel dos bibliotecarios, falaremos outro día.
Volvendo ao que nos ocupaba nas primeiras liñas, Gálix e a universidade deberían asinar un convenio que se concrete na organización de actividades formativas específicas de crítica literaria especializada, que ensine a separar didáctica de literatura e que realmente sexa guía na formación dun criterio entre os lectores, que separe o gran da palla.
Mentres non cheguemos a ese punto, non poderemos máis que enredarnos en discusións nas que os optimistas dirán que vivimos un momento dourado porque nunca tivo tanta presenza interior e exterior a nosa literatura, e os pesimistas dirán que as cifras de tirada das edicións, as vendas fóra da compra institucional e os riscos que poden correr os editores sos mínimos dada a situación de precariedade económica do sector ou do país. Pero no entanto, iremos cara onde nos leven.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP