Loading...
10.11.07

U-la crítica literaria?







Un dos meus vicios públicos é botarlle un ollo a case todos os suplementos literarios que se publican en España. Ás veces un identifícase coas críticas que se fan e outras non, pero o que non chego a comprender é esa reseña, tan de moda, especialmente cando os que a fan teñen que ver co mundo do ensino de querer atoparlle unha utilidade didáctica a todo. Ou algo que para min é peor, facer unha crítica ideolóxica allea aos contidos literarios. Creo que un dos grandes pecados do mundo actual é o de querer embadurnar todo desa correción política. Desde logo non serei eu quen faga causa da discriminación de calquera clase, cada un de nós ten as súas contradicións, que unha cousa é predicar e outra dar trigo, pero non se pode coutar da maneira en que hoxe se pretende a creatividade dos artistas. Que cada un xulgue o bo ou mal gusto das manifestacións, que se aprenda a soportar todo aquilo que non lle gusta, pero que ninguén pretenda pór mordazas en boca allea. Imaxinades que sería hoxe de Polgariño ou de Barbazul nesta marea de correción política? Serán os sinais de que unha época toca á fin e andamos desorientados? Estou convencido de que se trata un pouco diso e un moito de ausencia de formación crítica. Eis un campo para a colaboración entre Gálix e as universidades. Podía ser moi interesante dar pasos para que dentro de catro ou cinco anos haxa críticos formados e independentes. Deses que ás veces din cousas que non lles gusta aos editores ou aos autores, pero que expresan o que pensan con argumentos literarios.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP