Loading...
11.11.07

"Peonza" beilla en Santander



Acabo de ver o fallo do Premio Anuaria de deseño na categoría de publicacións periódicas e enteirarme de que resultou gañador o deseño de Sparafucile.Mashica para a revista PEONZA. Esta revista ten unha traxectoria tan seria como pouco coñecida polo colectivo de interesados na literatura infantil e xuvenil.
Despois de todo o tempo ocupado no estudo, difusión, asesoramento; mesmo a participación nalgún cncurso televisivo, vén recoñecida a súa adicación e esforzo por segunda vez no que levamos andado de ano, pois alá polo mes de marzo xa lles fora anunciada a concesión do "I Premio Literario Pep Sempere" que instituiu a Asociación Pizpirigaña, un colectivo constituído por xentes de todos os recunchos das Españas que se xuntan polo inicio do mes de xuño para celebrar uns Encontros de animadores á lectura.
Desde que no ano 1986 se botara a andar dentro dun programa de educación compensatoria do Ministerio de Educación, levan publicados 82 números nos que teñen recollidas colaboracións de mestres e bibliotecarios a carón das de importantes autores, ilustradores e analistas de literatura infantil a nivel internacional. No último número tratan o traballo gráfico do último Premio Nacional de Ilustración, Isidro Ferrer, e a relación entre lectura e escola. Cantos sintan a chamada da curiosidade e coñecer os números anteriores, poden consultalos na biblioteca do Cervantes virtual. (Estupendo o número adicado á ilustración que reproduzo na marxe).

Xa que estivemos a falar de Pizpirigaña comentemos para que se extenda pola rede a todos os recunchos deste planeta electrónico, que se
acaba de convocar o II Premio Pep Sempere. Calquera colectivo ou individualidade que traballe pola extensión da lectura está convidado a presentar unha memoria, que será valorada a mediados de marzo na vila avileña de Arenas de San Pedro por un xurado formado por persoas adscritas a diferentes campos relacionados co mundo dos libros. O premio é dos máis singulares que existen en todo o Universo, pois consiste nun cesto con 50 libros e un canastro con 100 kg de cereixas do Val do Xerte. No ano 2007 non só se recoñeceu o traballo de peonza, pois recibiu unha Mención a Empresa de rodaduras de capital xaponés, aínda que radicada en Salamanca, Nachi. A experiencia inaudita en España de que unha empresa, e o seu comité de persoal, consideren unha mellora social unha biblioteca aberta non só aos traballadores, senón tamén aos seus fillos. Durante o primeiro ano tiveron un índice de uso dun 4%, mentras que actualmente están no 40%.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP