Loading...
4.11.07

Confusións e difusións









Semella que a relación entre a televisión e os libros non atopa o xeito de que sintan a atracción que precisarían para que o encantamento se produza. Cando os programas sobre literatura non están na franxa horaria na que o sono vai desenfrenado cara á mañá -quen ve a emisión en directo de A libro aberto?-, o comunicador non conecta coa audiencia. Ter unha franxa como a que TVE2 escolleu para colocar Página 2 é un luxo.
Desde hai tempo, sabíase que a nova direción da CRTVE tiña previstos dous programas sobre libros, un miniprograma e outro de maior fondura. Espero que este que se estreou hoxe sexa o leve porque me pareceu unha nube de algodón, que pasou sen que lle pillase o gusto. A entrevista con Carlos Ruíz Zafón emitiuse tan fraccionada que teño que botarlle unha ollada na web para facerme unha idea; a presentación das novidades foi un paso fugaz; as imaxes no ximnasio ou as dos paracaidistas quizais fosen metáforas do que son os libros para a meirande parte das emisoras de tv, mesmo das públicas; o espazo dos libros para os lectores novos foi marxinal. Máis alá de Reis, parece que os libros infantís non merecese un capítulo. Certo que estes debesen ter os seus propios programas onde tivesen a información que lles pode interesar e que lles descubrise aspectos da literatura que por si sós farían con máis dificultade, hóuboos no seu momento, lembrádesvos? Para os adultos quedaríanos a parte de información necesaria para movernos nese territorio compartido con eles na nosa dimesión de acompañantes.
Boteille unha ollada á web e, a priori, o segundo programa parece interesante.


Tamén semella quentarse o panorama co anuncio do periódico EL PAÍS, con til, da aparición de vinte libros da coleción Os duros de Galaxia ao prezo de 1 euro. Que pensan os libreiros? Hai quen cre que estas iniciativas son un negocio ruinoso para os libreiros, que é de quen viven os editores. Claro que os libreiros tamén calan ante grandes grupos editoriais que lles chuchan unha parte do mercado con descontos descomunais a determinados clientes.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP